martes, 28 de junio de 2011

REUNIÓNS DE VERÁN

 
Este verán, as reunións de TETA E COLIÑO terán lugar ó aire libre. 

Verémonos todos os martes, a partir das 17:30 no céspede ó lado da piscina municipal... á sombriña!



 

Video de agradecimiento de Teta e Coliño

video
Gracias a todas/todos que hacen en cada reunión Teta e Coliño!!!

jueves, 23 de junio de 2011

taller ALIMENTACIÓN COMPLEMENTARIA, 20/06/2011

Este pasado luns realizamos o cuarto taller de Teta e Coliño: Introducción da alimentacion complementaria. Nel falamos de moitas cousas:

-Cando e como comezar a ofrecer alimentos.
-Canto ofrecer (papel da autorregulación).
-Como compaxinar alimentación complementaria, lactancia materna e reincorporación ó traballo.
-Erros frecuentes a evitar.
-Como transmitir ó noso/a fillo/a unha visión positiva sobre a comida. Que facer e que non facer.
-Como levar á práctica o Baby Led Weaning.
-Cereais: moitas posibilidades! 

Este foi un taller ben práctico, con moitas fotos, preguntas, comentarios... mesmo tivemos a oportunidade de coñecer unha gran variedade de cereais (amaranto, cebada, paínzo, avena, trigo sarraceno, quinoa, etc...) que Cathy carrexou nunha enorme caixa. Gracias a todos e todas, e FELIZ ALIMENTACION COMPLEMENTARIA!!

os atentos papás e mamás
a profe co seu gran axudante
a zona merenda-ludoteca

taller CLAVES PARA UNHA LACTANCIA FELIZ, 06/06/11

Aquí tedes algunhas das fotos deste taller tan completo como foi "claves para unha lactancia feliz". Un fermoso título para dúas horas cheas de información, fotos, vídeos e vivencias propias coas que aprendimos moito.
Gracias a Diana, por aportarnos a súa experiencia como matrona e polas súas claras explicacións; a Rosa, que nos contou con sinceridade e moita soltura como foi o inicio da súa lactancia; a Silvia, polo seu papel de contención do grupo; a Arentía, que nos mostrou a correcta posición na teta de mamá. E por suposto, a todas as asistentes, que foron algunhas das nosas mamás habituais (que alegría tervos sempre aí!) e tamén varias futuras mamás, ás que nos encantará ver xa prontiño dando teta ós seus pequerrechos.

vídeo sobre lactancia, e demostración práctica ó mesmo tempo
compartindo experiencias e consellos
as nosas guapísimas futuras e recentes mamás

martes, 14 de junio de 2011

Ao teu carón: lactancia materna dende o outro lado

O día 5 de marzo de 2011 ás 22:48 ocorreu unha das cousas máis fermosas que lle poden ocorrer a unha persoa na súa vida. Ese momento que marca o inicio dunha nova etapa na vida dunha persoa. Ese momento que parece non chegar nunca e polo que estás agardando impaciente. Ese momento que creará un recordo inolvidable na túa vida. Ese momento que é a culminación dun proceso sorprendente que leva a aparición dunha nova vida onde meses antes non había nada.

Nese momento naceu Aroa, a nosa primeira filla.

Lembro como nada máis nacer Aroa foi colocada ao carón da súa nai, xuntas unha ca outra. Aínda que cansas polo esforzo, nesa posición ámbalas dúas semellaban tremendamente felices. Todo semellaba en harmonía, notábase no ambiente que estábamos a asistir a algo especial, a primeira vez que nai e filla se podían aloumiñar unha a outra.

Pouco despois cando Aroa tiña fame o máis natural pareceu continuar con ese contacto e darlle de mamar. Cun pouco de axuda uns minutos despois Aroa xa estaba mamando por primeira vez. Resulta sorprendente como a mesma natureza xa nos prepara para poder nacer co instinto de mamar e como os métodos actuais de parto parecen alonxarnos dese camiño.


Descubrir a expresión de  ledicia de Aroa cando se achega á teta para mamar, ver a súa cara de concentración mentras come, escoitar con atención os ruidos que fai ao tragar, recibir os  seus sorrisos e  observar a súa cariña de pracer mentras se vai quedando durmida , faime sentir tan dentro do proceso como a  nai. Neses momentos sinto unha profunda satisfacción e desfruto dun estado de felicidade conxuntamente con nai e a filla.

Por todo isto creo que a lactancia materna é algo especial non só para nai e filla senón tamén para o pai. Algo que a natureza nos permite disfrutar e que a sociedade actual nos trata de roubar. Por iso recoméndolle a todos os futuros pais que o proben porque seguro que non se arrepinten.

Javier Cacheiro, papá de Aroa

miércoles, 8 de junio de 2011

TALLER ALIMENTACIÓN COMPLEMENTARIA

INTRODUCCIÓN DA ALIMENTACIÓN COMPLEMENTARIA

O noso bebé vai pasar dunha dieta exclusiva de leite a comer froita, carne, cereais... é un momento esperado por tódolos pais, incluso emocionante! e algunhas veces sorprendente... en tódolos sentidos.

Para o bebé tamén son momentos de sorpresa: sabores, texturas e olores novos... moitos estímulos que de ningunha maneira o deixarán indiferente.

Como nais e pais, as preguntas multiplícanse: ¿como reaccionará? ¿cal é mellor maneira de ofrecerlle os alimentos, en que orden, en que momentos do día? ¿como compatibilizalo coa lactancia materna?

E por suposto, a pregunta das preguntas: ¿como podemos favorecer a aceptación dos novos alimentos, para que no futuro coma de todo sen problemas?

De todo isto e moito máis falaremos o próximo luns 20 de xuño, ás 17:30 na casa de Cultura de Milladoiro. Vémonos!!

lunes, 6 de junio de 2011

TALLER DE MASAXE PARA BEBÉS, 30/05/2011



A masaxe infantil é unha antiga tradición en moitas culturas del mundo. Moitos estudios revelan a necesidade do contacto desde os primeiros anos de vida, e a masaxe é unha dos máis agradables e fáciles métodos para establecelo.

A masaxe infantil é unha técnica sutil, tenra e agradable, que por medio da estimulación táctil permite comunicar dunha forma intensa co mundo corporal e emocional do neno.  a arte da comunicación a través das miradas, os sorrisos, o contacto, as palabras, o xogo... que nos acercan a cada bebé tan único. 

O tacto é un poderoso medio para o desenvolvemento fisiolóxico, psicolóxico e emocional do bebé. É un nutriente que  beneficia tanto ó bebé como ós pais e nais, estimulando e fortalecendo os vínculos afectivos e a escoita mutua.

O bebé non se nutre só de comida, necesita fundamentalmente amor e cariño, que lle proporcionan unha seguridade e acollida emocional para poder medrar de forma harmónica.

 Gracias a todas as asistentes ó taller de masaxe infantil, e gracias tamén ós vosos amorosos bebés, por permitirnos disfrutar dese ratiño de contacto e afecto. Esperamos que mamás, papás e bebés compartades moitos ratiños de masaxe e disfrutedes así de todos os seus beneficios!

FOTO DE TETA E COLIÑO



3 MESES DE TETA E COLIÑO

¡¡¡GRACIAS A TODOS E A TODAS!!!

sábado, 4 de junio de 2011

CONFERENCIA DE CARLOS GONZÁLEZ

Como xa sabedes, fai un par de semanas as compañeiras da Asociación Creciendo Juntos organizaron unha conferencia de Carlos González. E a pesar de que son moitos os km ata Zamora, non nos puidemos resistir e alá fomos.

Cando chegamos, o primeiro que atopamos foi a Carlos sentado nunha silla firmando libros, e unha cola de mamás co "Un regalo para toda la vida" na man. Eu tamén aproveitei para pedirlle unha firma dedicada a Teta e Coliño, e logo charlamos un ratiño.

 No salón de actos o ambiente resultounos moi familiar. Era como unha reunión de Teta e Coliño, pero en proporcións xigantescas: mamás charlando coa veciña de asento mentres os seus peques tomaban teta, papás dando coliño ou xogando cos seus nenos... e moitos fulares, bandoleiras e manducas.

Todo o mundo falaba, ría e se saudaba, mentres as organizadoras andaban todas apuradas de aquí para alá, sonrientes e nerviosas, pendentes de que todo saíse como estaba previsto.
A verdade é que aquilo estaba cheo a rebentar! unhas 300 persoas entre mamás, papás e nenos. De alí a un ratiño conseguimos atopar á nosa colega Montse, da Asociación Bico de Leite, e dispuxémonos a disfrutar da sesión. 

Durante 2 horas Carlos González falounos sobre por que os nosos fillos son como son, por que necesitan o que necesitan, e cal é nosa función en cada idade. Reflexionou sobre feminismo e instinto maternal; explicou o por qué da lactancia a demanda, as características do sono infantil e o colecho; aclarou por que os nenos respetados maman durante tanto tempo, por que nos necesitan para durmir, por que nos piden tanto colo... e cales son as implicacións de non atender correctamente esas tres demandas. Fixo especial mención ós métodos de adestramento para durmir (p.ex. Estivill).

Tamén falou da crianza con apego, e animounos a escoitar a nosa voz interior, a disfrutar da experiencia tan única de dar peito e a valorar o precioso vínculo que nos unirá para sempre co noso fillo/a. 

Como sempre, foi encadrando cada aspecto en 3 ámbitos: na natureza, nas sociedades tradicionais e na sociedade occidental actual, con multitude de exemplos.

O mellor de asistir a unha conferencia de Carlos González é poder disfrutar da súa fina ironía e da súa experiencia en directo. É unha mestura perfecta de humor e sentido común, de afirmacións totalmente serias cun punto de teatralidade... polo que non paras de asentir, rir e sentirte identificada todo o tempo.
A sensación coa que marchas é que criar ós teus fillos de forma instintiva non é un método, nin unha rareza nin unha moda... senón unha cuestión de naturalidade e de lóxica aplastante.

Ó rematar toda esta explicación, abriuse un turno de preguntas, que foron do máis variadas e interesantes e que se alargaron durante máis dunha hora. 

Por suposto, estaremos atentas a futuras visitas de Carlos González para non perdernos ningunha! Aquí vos deixo o enlace cos comentarios da Asociación organizadora. 


Bicos a tod@s!

jueves, 2 de junio de 2011

TALLER: CLAVES PARA UNHA LACTANCIA MATERNA FELIZ

TETA E COLIÑO presenta un taller onde faremos un percorrido polos primeiros meses da lactancia. 

Será o luns 6 de xuño, ás 17:30 h no Centro Sociocultural do Milladoiro (planta superior).  

Aquí tedes o programa:


1.      O parto e o inicio da lactancia. Primeira toma e agarre espontáneo
2.    O agarre e a succión correctos. Posicións para amamantar
3.    ¿Por que lactancia a demanda?
4.    A teta, máis que alimento
5.    O calostro e a subida do leite
6.    Problemas típicos dos primeiros días
7.    Dúbidas frecuentes: ¿dun peito ou dos dous?, ¿despertalo para que coma?,  ¿está comendo o suficiente? ¿usa o peito como chupete?
8.    Interferencias coa lactancia materna
9.    As crisis e as folgas de lactancia
10. Trucos útiles para a lactancia e crianza.
11. Mitos da lactancia materna