domingo, 4 de diciembre de 2011

INAUGURACIÓN DO GRUPO DE BERTAMIRÁNS

En toda Asociación de Apoio á Lactancia Materna vívense moitos momentos compartidos. Algúns fermosos, outros máis difíciles, moitos deles emocionantes... pero desde logo, non hai ningún que supere en ilusión a aqueles nos que un novo grupo se forma.

Tras tomar a decisión, toca elaborar o proxecto, difundir e organizar os detalles. E o gran día chega. Aquí estamos! Un conxunto de familias diferentes, pero parecidas en esencia, que se coñecen, que se xuntan, que comparten impresións por primeira vez.

Somos moitas, máis das esperadas. Todas se presentan, hai expectación. Vemos casos sorprentemente parecidos, e outros no extremo contrario. Ó principio hai silencio, escoitamos... pero de seguida xorden conversas entre nós. Nais que se comprenden e que se apoian.

Moitas delas seguirán vindo reunión tras reunión (outras, achegándose de cando en vez), comezando así un novo percorrido; e tamén abrindo paso ás demais, que pronto irán chegando.

Aquelas que xa formamos parte deste entramado, sabemos o motivo: aquí as familias atopan un espazo de aprendizaxe, enriquecemento, desafogo e liberdade. Un lugar para falar sobre as dúbidas, para aprender, para compartir todos eses momentos tan variados (uns maravillosos, outros duros) da lactancia e da crianza natural. E sobre todo, para ser elas mesmas, sen ser xulgadas nin cuestionadas, como por desgracia sucede noutros ámbitos.

Os nenos e nenas viven tamén esta rutina das reunións con naturalidade. En canto se familiarizan co sitio, coas conversas, gatean e xogan tranquilos nas colchonetas, no medio do grupo. Pequerrechos que nas súas casas son criados con moito amor, e que aquí atopan unha pequena tribu tamén amorosa que nutre e fortalece ós seus papás.

A primeira semente destas vivencias naceu o pasado xoves 1 de decembro en Bertamiráns. As familias que xa vivimos o despegue do grupo do Milladoiro e que participamos nalgunha medida na creación desta segunda sede, vivímolo dun xeito especial. Sabemos que cada grupo de apoio é o resultado dunha demanda, dun esforzo e dunha ilusión. Que con el nacen moitos proxectos, moito labor por facer e moitos nenos felices que ver medrar... con teta e coliño!! Estaremos encantadas de contribuír a que así siga sendo.


Gracias a todos e a todas por estar aí! 


Non podía faltar a riquísima tarta de chocolate de Clara!

Unha parte da sala...
  
E a outra esquina... e aínda así non saímos todas!!


No hay comentarios:

Publicar un comentario