sábado, 14 de abril de 2018

Charla Primeiros auxilios Xaneiro, Vigo 2018

O pasado 13 de xaneiro tivo lugar en Vigo unha nova edición da Charla de Primeiros Auxilios en Bebés e Crianzas. Fixémolo nas instalacións de Vigosónico xa que ten unha gran acollida.

Novamente contamos coa colaboración de Pepe Aguilera, enfermeiro do 061 de Galicia, excelente profesional, poñente pero sobre todo papá. Contounos as súas experiencias tanto a nivel persoal como os casos aos que ten que afrontar no seu día a día.



Pepe explicounos as diferencias entre atragantamento e afogamento e como actuar en cada caso. No segundo, temos sempre que comprobar se hai respiración e no caso de non habela ensinounos a facer unha RCP.

Resolveu dúbidas como que facer en caso de golpes na cabeza, feridas abertas, alerxias, queimaduras e nos casos de febre alta (neste punto tratouse se é bo alternar entre paracetamol e ibuprofeno).
Finalmente explicounos a diferencia entre emerxencia e urxencia para que saibamos cando debemos acudir a un centro de saúde e ou chamar ó 061 ou 112…

Todos os asistentes saímos moi contentos e sabendo un pouco mellor como actuar no caso de producirse un incidente, aínda que todos desexamos non vernos nunha situación así.