domingo, 11 de marzo de 2018

Obradoiro alimentación complementaria na sede de Vigo Decembro 2017

O pasado 2 e o 16 de decembro unhas vinte familias (dez en cada sesión) acudimos ó obradoiro sobre alimentación complementaria impartido por Antía. Mamá, fisioterapeuta na sanidade pública, asesora de lactancia e voluntaria na asociación á que é un pracer escoitar.




Esta etapa das nosas crianzas é unha fase emocionante.  A satisfacción de velos comer pero cunha chea de medos… comerá o suficiente? Terá unha dieta que lle aporte todo o que necesita? Debemos substituir tomas de leite? E se se atragoa? ...dende logo este obradoiro despexounos moitas dúbidas.




Actualmente recoméndase alimentar exclusivamente de leite ate os seis meses. A partir de aí podemos ir introducindo a alimentación complementaria que, como o seu propio nome indica, non substitúe o leite.  Este sigue sendo a base fundamental na alimentación do bebé.  Antía fíxonos un resumo de como manexar o leite materno alén dos seis meses. Como extraelo, almacenalo e conservalo. Moi importante para as mamás traballadoras que desexan continuar coa lactancia materna.

Falounos despois do BLW (Baby led weaning) ou Alimentación autorregulada polo bebé,  un método que está collendo forza nos últimos anos. Consiste en ofrecer anacos de comida e que sexa o propi@ nen@ o que os xestione. Se ben, é importante ter unhos conceptos básicos para non poñelo en perigo e, sobre todo, gozar do proceso sen medos.



Cales son os requisitos que ten que cumprir a crianza para empezar, como ofrecer os alimentos, que tipos de alimentos son os máis recomendados para empezar, así como consellos e bibliografía foi o que nos aportou a poñente apoiada en documentos gráficos.

A rolda de preguntas tamén serviu para expoñer casos concretos, dúbidas e anécdotas que tanto nos aportan.