Aínda que desde o ano 2004 o Ministerio de Sanidade español recomenda que todas as mulleres tomen suplemento de iodo durante o embarazo e a lactancia, segue a ser moi frecuente encontrarse con nais lactantes ás que o seu médico, matrona ou pediatra nunca lles mencionou tal necesidade. Trátase dun erro ou despiste que pode chegar a ser perigoso, dadas as posibles consecuencias no desenvolvemento cerebral dos nenos que nacen en zonas deficitarias de iodo (como é o noso país).
O iodo é parte fundamental da tiroxina, a hormona fabricada polo tiroides e que regula o noso metabolismo. Por outro lado, o desenvolvemento do cerebro humano prodúcese durante a vida prenatal e na primeira infancia ata os 2-3 anos de vida. Unha deficiencia de hormonas tiroideas neste período poden afectar de forma negativa e irreversible, especialmente canto antes ocurra.
Os trastornos descritos por déficit de iodo son variados: aumento da mortalidade, déficit mental, xordeira, hipotiroidismo, bocio (moi frecuente en Galicia) e outras múltiples alteracións.
De aí a importancia de asegurarnos que o noso bebé está recibindo un adecuado aporte de iodo a través da alimentación, é dicir, a través do leite materno. A presencia de iodo no leite vai depender na súa maior parte da nosa inxesta, polo que a OMS e a Asociación Española de Pediatría recomendan un aporte diario de 250 microgramos.
Na maioría dos países de Europa xa atallaron esta cuestión cunha iodización universal do sal e outros alimentos, pero iso aínda non sucedeu en España, polo que aquí debemos consumir un suplemento de 200 microgramos diarios de iodo en forma de ioduro potásico (unha pastilla ó día). Este suplemento débese consumir durante todo o tempo que dure a lactancia, incluso unha vez incorporados os alimentos complementarios á dieta do neno.
Xunto con esta información, déixovos un enlace que me pareceu interesante. Unha mamá pregunta pola importancia deste suplemento a Carlos González, podedes ver a sú resposta pinchando AQUÍ