O sábado día 28 de outubro contamos coa presenza de María Pérez Muñoz, dietista e nutricionista, que nos falou sobre a alimentación para maiores de dous anos.
María falou, entre outras cousas, dos mitos con respecto ós superalimentos, o marketing existente ó redor dos produtos que nos queren vender, ... e nos comentou que a pirámide alimentaria xa non existía como tal, senón que había unha reinterpretación; como exemplos púxonos o prato saudable de Harvard e o triángulo de nutrición do Instituto Flamenco de Vida Saudable.
Tamén a ter en conta as diferenzas entre "fame emocional e fame fisiolóxica"; é importante diferencialas para que a nosa alimentación se basee en necesidade física, e poder así consumir o necesario para estar satisfeito.
Comentounos que as comidas sans poden saber ben tamén,e que a presentación das mesmas pode xogar un papel importante para decantarnos por elas; adicar un pouco á cociña e conxelar para os momentos de máis apuro contribuirá a levar unha alimentación saudable.
Para máis información vos deixamos uns enlaces:
www.mariaperezmunoz.com
www.juanrevenga.com/el-comidista/
www.sinazucar.org
Libros recomendados:
Más vegetales,menos animales, de Julio Basulto e Juanjo Cáceres
Mamá come sano,de Julio Basulto
Moitas grazas pola túa colaboración María!
Charla FP Crianza con apego
O xoves día 26 de outubro fomos invitados a dar unha charla sobre "Crianza con apego" no centro de FP Monte Alto, ós alumnos do ciclo de Educación Infantil do réxime de adultos.Silvia Nieto, nai e voluntaria da asociación, falou sobre a teoría do apego, a crianza con apego, a lactancia materna e o apego na escola infantil.
Xurdiu debate xa que hai moitos mitos extendidos, coma que a crianza con apego significa sobreprotección e non poñer límites ós cativos, que a lactancia materna é perxudicial a partir dunha idade, que o coleito pode traer consecuencias negativas para os nenos,...
Con respecto á escola, os alumnos participantes detectaron que para poder levar a cabo unha atención de calidade precisaríase máis persoal. Dende a asociación detectamos que os periodos de adaptación nas escolas infantís, así como a forma de facelo,sen participación da nai ou pai, dificulta a adaptación do bebé nas mesmas.
Silvia ofreceu ademais información sobre a alimentación autorregulada polo bebé (chamado baby led weaning). Contou a súa experiencia como nai e respondeu ás preguntas dos alí presentes.
O tempo pasou moi rápido e quedaron dúbidas no aire, así que animamos a todo aquel interesado que contacte con nós e/ou que asista ás nosas reunións quincenais.
Moitas grazas ó centro de CIFP Ánxel Casal- Monte Alto pola invitación,e en especial a Gema Graña.