miércoles, 18 de mayo de 2016

Inauguración Teta e Coliño A Coruña


O pasado 28 de abril tivemos a inauguración da nova sede de Teta e Coliño na cidade da Coruña, no Centro Cívico dos Mallos, á que asistiron unhas 30 familias. 

Noelia Prieto, presidenta da asociación, ofreceunos unha charla-coloquio titulada “Criando e creando vínculos. Crianza consciente e grupos de apoio mutuos”. Nela tratáronse varios temas, coma por exemplo, a maternidade noutras culturas onde as nais tiñan uns referentes e estaban acompañadas, en comparación coa maternidade actual onde a soidade e a falta de empoderamento das nais está presente. Falou tamén sobre a importancia da tribu, sobre a presión que a sociedade exerce sobre as nais as cales teñen que ser as de antes o máis rápido posible, o que moitas veces as levan a utilizar modelos de crianza baseados no adestramento e obxectos que “sustitúen” a presenza da nai. 
Ó final da charla fíxose unha pequena xuntanza onde as familias conversaron acerca das súas experiencias e inquedanzas. 


Recordarvos que as reunións terán lugar no Centro Cívico do Castrillón (Plaza de Pablo Iglesias S/N) os primeiros e terceiros sábados de mes, de 10.30h a 12:30h. Agardámosvos!


domingo, 8 de mayo de 2016

O Banco de Leite do CHUS



O pasado 4 de abril 2016, cinco voluntarias de Teta e Coliño -xunto con compañeiras doutras Asociacións pro-lactancia da provincia de A Coruña- acudimos ó Hospital Clínico de Santiago, convidadas por Olalla López, neonatóloga e coordinadora do futuro Banco de Leite.
A actividade consistiu nunha charla-presentación do proxecto do Banco, que se ubicará na Unidade de Neonatoloxía do Hospital, e que xa ultima preparativos para a súa apertura.
O Banco de Leite comezará cun alcance local, pero espera máis adiante ofrecer os seus servizos a toda a zona Norte de Galicia (provincias de A Coruña e Lugo). Segundo expresou a coordinadora, non se limitará á recollida, procesamento e administración de doazóns de leite materno, senón que realmente vén enmarcado nuns obxectivos máis amplos de promoción e apoio á lactancia.
Durante a súa exposición, Ollala López realizou un percorrido por aspectos como: equipo humano; motivación para a creación do Banco, coa consideración do leite materno como auténtica medicina para as necesidades dos lactantes (expostos a serios riscos en caso de non recibilo); perfil dos destinatarios, con preferencia para bebés moi prematuros e para aqueles con situacións médicas complicadas; requisitos para ser doante; facilidades ofertadas polo Banco para animar as doazóns; protocolo para a extracción do leite, almacenamento e transporte á Unidade; proceso de análise microbiolóxica e método de pasteurización; conservación e administración; control dos resultados, etc.



A continuación, as asistentes tivemos a oportunidade de realizar preguntas, resolver dúbidas e compartir impresións, no que resultou un coloquio a varias bandas moi enriquecedor.
Por último, Olalla acompañounos a coñecer as instalacións do Banco, que ocupan a antes coñecida como “sala de biberonería”. O Banco disporá de dúas pasteurizadoras, varios conxeladores industriais, e outros aparatos para a análise e tratamento do leite; así como dun despacho destinado ás entrevistas coas doantes.


       

As voluntarias Teta e Coliño opinamos que o Banco de Leite trátase unha iniciativa que viña sendo moi necesaria, e que posiblemente movería ás nosas socias e usuarias (a maior parte delas, potenciais doantes). Así que esta vez fomos nós as que estendimos unha invitación á coordinadora a acudir á nosa sede local, que ela de seguida aceptou.


O 4 de maio tivo lugar a charla “Banco de Leite do CHUS” na Casa de Cultura de Milladoiro, sede local de Teta e Coliño. Nesta ocasión achegouse información verbal e visual ás nais interesadas, repartíronse folletos e tamén se seguiu debatindo sobre a realidade da lactancia (en especial no ámbito hospitalario).
Nesta liña, valorouse como establecer colaboracións sinxelas dos nosos Grupos de Apoio Nai-a-Nai co Banco de leite e Neonatoloxía, cun obxectivo en común: traballar pola saúde das familias e por unha maior satisfacción na súa lactancia e crianza. A atención precoz e multidisciplinar, co aproveitamento de todos os recursos do sistema, é un punto clave.



Esperamos compartir moi pronto a nova da apertura do Banco de Leite do CHUS. Animámosvos a contactar xa co seu equipo no seguinte correo: blm.neo.santiago@sergas.es ou no teléfono 981 955 623
Para información máis detallada pódese visitar a páxina do Sergas do Banco de Leite Materno http://goo.gl/pGZ2DK
Tamén vos recomendamos a lectura e consulta da “Guia da lactancia materna” elaborada polo Sergas https://libraria.xunta.gal/es/guia-de-lactacion-materna na cal a nosa asociación colaborou para a súa elaboración.


Os nosos agradecementos a Olalla López, polo seu valioso traballo e a súa dispoñibilidade; así como a todas aquelas persoas que, cada unha desde o seu campo, fan posible que cada vez máis familias se beneficien de mellores prácticas de lactancia e de coidado materno-infantil. O voso esforzó sempre pagará a pena.

jueves, 21 de abril de 2016

Charla sobre Alimentación Complementaria Autorregulada - BLW

O Baby Led Weaning (BLW) está en auxe. Teta e Coliño apoia ás nais e pais que tentan facer da hora da comida un momento para disfrutar en familia. BLW é a forma máis natural en que os bebés poden comezar a alimentación complementaria pois o seu obxectivo é que os nenos aprendan a comer sólido tal e como o fai o resto da familia, sen papillas. Parece que nos últimos anos aumenta o interese por este tema, aínda que as recomendacións en canto a nutrición infantil son moitas veces anticuadas e carecen de consenso entre os expertos.

Dende a Asociación impartimos unha charla-coloquio para aclarar estas dúbidas e explicar en qué consiste a alimentación complementaria autorregulada (BLW). Tivo lugar na sede do Milladoiro, na casa da cultura o día 6 de abril da man de voluntarias con moitos meses de experiencia propia neste tema.

Á cita acudiron pais e nais que tiveron a oportunidade de escoitar a experiencia destas mamás cos seus fillos á hora de comezar a AC directamente con sólidos. Durante o obradoiro explicáronse conceptos básicos para levar a cabo un correcto  BLW: que o bebé se manteña sentado, que perdera o reflexo de extrusión, que mostre interese pola comida,... Ademais de  responderen ás númerosas dúbidas respeito a cómo preparar os alimentos e cómo ir ofrecendoos pouco a pouco.  Tamén xurdiron numerosas preguntas relacionadas co atrangantamento, e púidose comprobar que este é o maior temor que teñen os pais á hora de introducir sólidos na alimentación dos seus pequenos.  Estes medos desapareceron ao comprobar cómo outros nenos da asociación foron alimentados de este xeito e hoxe en día teñen una saudable relación coa comida.

Para completar o obradoiro recomendáronse a lectura dunha serie de libros que amplían a información grazas a recoñecidos expertos na materia que aportan datos científicos:

- “Mi niño no me come”, Carlos González.
- “El niño ya come solo”, Gill Rapley.
- “Se me hace bola” , Julio Basulto.
- “Mamá come sano”, Julio Basulto.


Por suposto existen moitos máis. Agardamos que fose de proveito para as familias presentes e que pronto teñamos novas de cómo foi evolucionando a relación desas crianzas coa comida. Grazas a todas por vir!



---Información Complementaria Autorregulada---
- Web Julio Basulto: http://Juliobasulto.com
- Conferencia Carlos González: "alimentación infantil libre de papillas": http://www.youtube.com/watch?v=vKioOmhIfGU
- Charla Carlos González, "la alimentación de tu bebé, consejos y recomendaciones": 
http://www.youtube.com/watch?v=3HfLkSZHIkM
- Primeiros auxilios no atragantamento do bebé: http://www.youtube.com/watch?v=SrSuzb9uOZY


miércoles, 20 de abril de 2016

INAUGURACIÓN NOVA SEDE: A CORUÑA


Seguimos medrando.

O vindeiro xoves 28 de abril inauguramos na cidade de A Coruña a nosa nova sede. O acto terá lugar ás 17:30 da tarde no Centro Cívico Os Mallos (Avda. de Arteixo, 147).
Presentarémonos como Asociación, sen ánimo de lucro, pro-lactancia e crianza con apego, falaremos de todas as características que fan da nosa asociación un gran punto de encontro entre familias, qué é iso do apego, cómo podemos nós axudar a mamás e papás recentes ou xa con nenos grandes, qué actividades temos programadas e moitas cousas máis.

Convidámosvos a todos e todas a pasar con nós unha tarde entretida e en familia, desfrutar do ambiente que se respira en Teta e Coliño e por suposto tomar nota das reunións que terán lugar a partires do mes de maio, cada 1º e 3º sábado do mes, no Centro Cívico de Castrillón de 10.30 a 12.30 hs.

Calquera cousa non dubidedes en contactar con nós en calquera dos nosos correos
tetaecolinhocorunha@gmail.com
tetaecolinho@gmail.com
tetaecolinho.comunicacion@gmail.com

Agardámosvos!!

jueves, 14 de abril de 2016

Obradoiro de porteo con bebé pequeno en Vigo


O pasado sábado 2 de abril tivo lugar en Vigo, no Centro Cívico de Saiáns un obradoiro de porteo con bebé pequeno. As nosas voluntarias Rebecca Casais e Jessica Montero colleron a batuta desta actividade na que o número de prazas se quedou corto ante tanta demanda por parte das familias. 

A xente chegou moi puntual e bastante informada. Tocáronse temas básicos no eido do porteo, como poden ser porteo ergonómico, seguridade en porteo con bebés acabados de nacer ou os diferentes tipos de portabebés que se poden empregar antes dos 6 meses. 

Cada mamá traía o seu portabebés para aprender a utilizalo, así que a segunda parte do obradoiro baseouse na práctica e atención personalizada a cada unha delas. Había moita variedade, fulares elásticos, mochilas, bandoleras... 

Por último, antes de marchar, unha última rolda de preguntas, onde saíron temas tan diversos como:
 - diferencia de tecidos empregados para verán ou para inverno
 - colocación da tea da bandolera polas anillas
 - diferencias entre fular tecido e fular elástico 

As mamás marcharon moi contentas e agradecidas. Os pequenos colaboraron bastante, son eles os que marcan os ritmos, coma sempre; teremos que agardar á próxima reunión para ver cómo evoluciona todo. 

Moitas grazas a todas por vir e ata a próxima!